DÁMOSLLE A BENVIDA Á BAÍA DE SANTA CRUZ
Benvidos á Baía de Santa Cruz, un espazo do litoral do Concello de Oleiros que alberga unha gran diversidade de recursos ambientais e patrimoniais dun elevado interese.
A Baía de Santa Cruz acolle diversos ambientes naturais (rochas e illas, praias de areas e limos, pequenos ríos, ...) influenciados polas mareas, o que permite que aquí vivan unha gran variedade de seres vivos e a convertan nun espazo de importante valor ecolóxico.
Pero ademais do patrimonio natural, este enclave da costa de Oleiros alberga diversas mostras de patrimonio histórico e cultural.
Pola riqueza en recursos que posúe, a Baía de Santa Cruz é un dos espazos emblemáticos da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, declarada pola UNESCO en 2013, e na que está integrada o Concello de Oleiros que desde sempre tivo un forte compromiso coa protección do noso medio ambiente.
Achéguese a descubrila e lembre que cada día o paseo pode ser distinto ao anterior.