Un paseo pola illa e o castelo

No medio da Baía de Santa Cruz encóntrase a súa illa, un pequeno afloramento rochoso que, a xeito de barca varada na súa enseada muda ao ritmo das mareas, ben descansando placidamente sobre a area durante a marea baixa ou ben fondeada docilmente sobre as augas na marea alta, permitíndonos gozar dunha paisaxe diferente cada seis horas.

Un paseo pola illa e o castelo

O seu interior alberga o Castelo de Santa Cruz, unha fortificación de finais do s XVI que foi levantada para defender A Coruña dos ataques das frotas estranxeiras que chegaban por mar. Logo de varios cambios ao longo dos séculos e tras perder o seu carácter defensivo, foi adquirido polo Concello de Oleiros para convertelo nun baluarte na defensa do Medio Ambiente, polo que hoxe en día acolle a sede do CEIDA, o centro de referencia da Educación Ambiental en Galicia.

 

UN PEQUENO PASEO PARA DESCUBRIR OS VALORES AMBIENTAIS E HISTÓRICOS DA ILLA E DO CASTELO DE SANTA CRUZ

Un pequeno paseo, de apenas 500 m, arredor da illa de Santa Cruz descúbrenos a riqueza ambiental deste lugar, especialmente a flora e fauna do seu litoral, sendo ademais un observatorio privilexiado para descubrir as numerosas aves mariñas que nos visitan ou ter unha perspectiva única sobre a Ría da Coruña.

Tamén o animamos a que visite o interior das murallas do Castelo de Santa Cruz para gozar dun paseo polo seu marabilloso xardín onde, entre outras moitas árbores, destaca o gran piñeiro de Monterrei, que está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Ademais poderá pasear entre os edificios que formaron o pazo onde veraneou a escritora Emilia Pardo Bazán e poderá contemplar un dos poucos exemplos de pombal soterrado que existen en Galicia.

Agardamos que goce deste percorrido e lembre que axudar á súa conservación depende de todos nós.

Explora o paseo que recomendamos