Costa de Dexo - Serantes
Esta área do norte do concello de Oleiros é sen dúbida un dos espazos naturais de maior valor que se conserva na altamente urbanizada comarca das Mariñas. Conta con cantís mariños e illas, cubertos de matogueiras e herbazais costeiros.

Foi declarada Monumento Natural, e ZEC formando parte da Rede Natura 2000. Máis da cuarta parte da súa extensión acolle hábitats naturais de interese comunitario. Neste espazo localízanse as colonias máis grandes de cría do territorio galego de corvo mariño cristado (arredor das 90 parellas) e andoriñón real (sobre 10 parellas).
ÉPOCA RECOMENDADA
Entre os meses de abril e agosto, os de maior actividade das aves da zona e na que están presentes todas as especies de interese (tras a chegada a finais de marzo do andoriñón real). Non entanto, a maior parte das especies obxectivo son sedentarias, polo que poden observarse durante todo o ano, e a actividade de aves mariñas durante os períodos migratorios pode ser especialmente interesante en días con meteoroloxía axeitada.
ESPECIES DE AVES DE INTERESE
Reprodutoras: corvo mariño cristado, paíño pequeno, miñato común, lagarteiro común, falcón peregrino, gaivota patiamarela, rula común, andoriñón real, laverca, rabirrubio, papuxa do mato, choia, corvo grande, liñaceiro...
En paso: furabuchos balear, mascato, mazarico chiador, carrán común, pedreiro cincento, peto formigueiro, …
Invernantes: pentumeiro, corvo mariño grande, garza real, gabita, bilurico das rochas, virapedras, gaivota escura, gaivotón, palleira grande, carrán cristado, carolo, pica dos prados, ...