Igrexa Nova de Santa Cruz, un templo vangardista

Unha obra de arte total, con potencia creativa

Esta igrexa é unha «xoia da arquitectura», cun deseño innovador e vangardista, integrada na contorna e cun campanario esvelto e escultórico. O interior orienta aos fregueses en semicírculo en torno ao altar, transmitindo paz e recollemento, onde é primordial «ver e ouvir» como impuxo o Concilio Vaticano II. Este templo, proxectado polo arquitecto Miguel Fisac, foi acabado en 1969, e acolle a sepultura dos dous veciños que a custearon economicamente, Josefa e Leopoldo.

O complexo parroquial de Santa Cruz de Oleiros, con igrexa e edificios anexos foi construído «insitu» integramente con formigón armado, agás a cuberta e as trabes que se executaron con pezas prefabricadas. Fisac sempre eloxiou a Julio Mañanas, o albanel oleirense que realizou as obras.

Este sorprendente edificio está pensado como unha sucesión de recintos continuos, xerados por muros curvos. Os distintos ámbitos da igrexa defínense pola cor da luz: amarela no presbiterio, azul na nave, branca sobre o altar e no baptisterio-capela penitencial, e unha luz intensamente vermella na capela do Santísimo Sacramento.

Plano Igrexa Nova Santa Cruz

A aspiración do arquitecto foi lograr unha obra de arte total, polo que deseñou persoalmente todo o mobiliario litúrxico. Un gran crucifixo e unha imaxe da Virxe María co Neno, realizadas en bronce polos escultores Pablo Serrano e José Luís Sánchez, respectivamente, presiden o templo.

O campanario sobresae pola súa plasticidade e beleza.  Escultórico e esvelto contrasta de maneira puntual coa igrexa, servindo como punto de referencia desde a costa de Santa Cruz case a xeito de faro diúrno.

UN ESPAZO DEMOCRÁTICO

A nave está orientada aos fregueses, en semicírculo en torno ao altar, conforme o Concilio Vaticano II impuxo aos templos de culto.

Miguel Fisac, arquitecto innovador, imprescindible do século XX

Miguel Fisac, arquitecto innovador, imprescindible do século XX

Manchego de nacemento, considérase unha referencia fundamental na arquitectura española do século XX, cunha obra  aberta ás novas correntes vangardistas. Fisac, foi autor de numerosas edificacións relixiosas e tamén civís. Traballador incansable, revolucionario, creativo, ás veces polémico pero con independencia pensadora e desentendéndose de modas e frivolidades. Pioneiro na utilización do formigón pretensado e postensado en toda a península, patentouas vigas-óso prefabricadas.

Un matrimonio benfeitor

Un matrimonio benfeitor

En 1966 presentouse no estudo de Fisac, Josefa Rosa Alonso, viúva de Leopoldo Abente. Explicoulle que o seu marido acababa de morrer había un ano e quería encargarlle unha igrexa, na que eles descansarían eternamente nunha cripta.

Fotos da Igrexa

Ver máis...