O Xardín do Castelo de Santa Cruz

O xardín do Castelo de Santa Cruz ten árbores centenarias. As razóns estratéxicas e de defensa, foron a causa de que no castelo apenas quede ningunha mostra de vexetación arbórea autóctona.  Durante a época na que o castelo foi o pazo da familia Cavalcanti, comezouse a constituír o que hoxe é o xardín, formado por especies ornamentais exóticas. Un pequeno paseo polo xardín permítenos descubrir a variedade de árbores que atesoura (máis de 30 especies diferentes).

O Xardín do Castelo de Santa Cruz

Algunhas forman pequenos grupos como os loureiros, as robinias e chopos ou as carreiras de plátanos de sombra.

Dúas árbores destacan polo seu espléndido tamaño; o piñeiro de Monterrei e o alcipreste de California, e outros pola súa idade: teixos, piñeiros mansos, bonetes de cregos, palmeiras excelsas, pitósporos Tobira, alcipreste de Lawson, camelias, eucaliptos, oliveiras, e palmeiras canarias.

O espectacular piñeiro de Monterrei que domina no xardín está incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e é quizais a árbore máis rechamante polo seu porte. Este excepcional piñeiro pode chegar ós 150 anos e acadar preto de 25 m de altura e o diámetro da súa copa acada case os 24 m.

Un vello magnolio vixía a porta do castelo

Na entrada do castelo podemos ver unha grande árbore que durante o verán ten unhas grandes flores brancas dun intenso arrecendo. De follas grandes e perennes, é orixinaria do sueste de Estados Unidos. O seu nome, magnolio, está dedicado a Pedro Magnol, que fora profesor de botánica en Montpellier nos séculos XVII-XVIII e descubridor do xénero.

O Piñeiro de Monterrei do Castelo de Santa Cruz é unha árbore senlleira

O Piñeiro de Monterrei do Castelo de Santa Cruz é unha árbore senlleira

Este piñeiro de Monterrei ou piñeiro insigne (Pinus radiata), cunha idade estimada duns 150 anos, está incluído dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, polo seu formidable porte que chega case aos 25 m de altura e cun diámetro de copa de case 24 m polo que está considerado como o piñeiro de Monterrei de maior envergadura dos existentes nos montes e pazos galegos.

O Teixo, unha árbore máxica con moita lenda

O Teixo, unha árbore máxica con moita lenda

A súa área de distribución esténdese por toda Europa ata o Cáucaso e polo Norte de África. Pódese encontrar en toda a Península Ibérica aínda que non é abundante nin adoita formar masas puras. En Galicia é moi escaso, encontrándose en franca regresión, como o testemuñan os múltiples topónimos que fan referencia a esta árbore en lugares onde xa non existe ou é sumamente rara na actualidade (Teixeiro, Teixido, Teixedelo, ...).